miércoles, 1 de mayo de 2013

Apuntamentos sobre: Atomic-Age Cthulhu


Comezamos este blogue coa reseña do xa penúltimo suplemento para Call of Cthulhu (a mina copia de House of R’lyeh está en camiño). Do aspecto artístico non teño nada que engadir ao xa comentado pola xente de Aventuras en la Marca del Este e que podedes ver aquí polo que vou intentar analizar un pouco máis polo miúdo o contido deste suplemento.



A pesares de ter saído pouco despois da reedición de Cthulhu by Gaslight (e do que falaremos en breve), Atomic Age Cthulhu é en certo senso o suplemento contrario, isto é, moitas aventuras e unha guía sobre a época pequena. Comezemos por esta última.

A Guía dos anos 50 son 28 páxinas nas que se nos describe a América1 da época.  Isto para min xa é o primeiro pero. Encántame os EEUU dos anos 50, por todos os seus tópicos...e o Rock ‘n’ Roll, pero aínda así, penso que o ambiente de Guerra Fría en Europa Central podería ter sido moi interesante (ben podía haber algo de espías). Centrándonos no que si aparece, preséntansenos os principais temas que definiron a América do momento en dous bloques diferentes, por un lado aquelas que fixeron que todos quixeramos copiar o modo de vida americano (os coches, a tele, o Rock ‘n’ Roll...) e por outro, aquelas que amosaban que distaba moito de ser unha sociedade ideal (segregación racial, caza de bruxas, delincuencia xuvenil...). Penso que é un enfoque moi interesante é honesto, suficiente para darlle un sabor acaído ás nosas partidas, pero pouco máis. Completan esta sección algunhas habilidades novas ou revisadas, novas profesións e información de transfondo para os investigadores (medicina, drogas, OVNIS...) e unha lista de películas, series e cancións da época. A sección non está nada mal, aínda que é bastante escasa, especialmente para aqueles que nin somos americanos nin sabemos moita historia. Penso que tería sido estupendo unha cronoloxía máis detallada sobre diversos temas (por exemplo a carreira espacial) e máis “sementes sinistras” onde poder comezar unha aventura baseada en feitos reais. Tamén boto de menos unha explicación máis detallada sobre a amenaza comunista, o FBI a Mafia, los OVNIS e outros temas que, ben levados poderían dar moito xogo. Quizais é a magoa desta sección, que hai información dabondo sobre como dar sabor anos 50 ás aventuras, pero pouco sobre como empregar elementos propios da década, particularmente a conspiranoia, dentro delas. Persoalmente tería preferido menos aventuras é máis guía, na liña do Gaslight. Penso que así sempre poderían ter feito outro suplemento coas aventuras que non se incluíran neste primeiro tomo, pero igual é pedir demasiado.

Nas sete aventuras que se inclúen temos un pouco de todos os tópicos sobre esta “Época Dourada”. As historias non gardan ningunha relación entre si, cousa que non é mala, pero, que pasa se queremos levar uns personaxes dos anos 50 durante máis de unha aventura? Así en rápido, semella que o único xeito de facelo sería que os investigadores traballaran para o FBI ou outra axencia gobernamental (de verdade credes que existe unha década mellor para xogar a Expediente X?). A calidade das aventuras diría que é medio-alta, hai historias bastante boas de por si e outras que o poden ser con algo de o traballo por parte do Gardián. Paso a describilas un pouco máis polo miúdo, practicamente libre de spoilers:
  • The Village was made for us (A vila foi feita para nós), por Christopher Smith Adair: Un suicidio que igual non foi tal. Unha pequena vila enteiramente dedicada á investigación atómica. O lugar perfecto para unha invasión de alieníxenas que queren traer a este planeta ao Caos Nuclear.
  •  T.V. Casualty (Vítima da tele) por Matt Sanborn: Na proverbial cidade residencial americana desátase a violencia entre xente que fai unhas semanas eran “só un veciño máis”. Poden ter algo que ver as novas televisións que están instalando no pobo?
  • The Return of Old Reliable (O retorno do vello fiábel), por Oscar Rios: Unha historia na que se mestura a carreira espacial, científicos Nazis (pero non dos que traballaban coas V2) e esa ciencia-ficción colorista dos 1950. Non hai (practicamente) nada de Mitos nela, pero non por iso é unha mala historia. Quen dixo que o pulp acabara nos anos 30?
  • Forgotten Wars (Guerras esquecidas), por Brian M. Sammons: Os investigadores forman la tripulación dun tanque durante a Guerra de Corea, pero vense envoltos nunha guerra moito máis antiga. A miña preferida, pola sensación de soidade e pola proba de que non importa canto armamento teñas, os Mitos son os Mitos.
  • High Octane (Gasolina de alto octanaxe), por Tom Lynch: Un pobo pequeno con certo sabor a Twin Peaks, bandas xuvenís, comunistas ocultistas e os investigadores de por medio...seguro que non acaba ben.
  •  L.A. Diabollical (de verdade fai falla que o traduza?), por Brian Courtemanche: L.A. confidencial...con tentáculos! O escenario perfecto para unha novela negra: unha misteriosa desaparición, unha muller fermosa con moito más do que o parece e un montón de xente rica e aburrida con un interese no ocultismo. Boa historia, seica porque me perde o cine negro, pero con algúns engadidos por parte do Gardián pode ser algo memorable.
  •  Destroying Paradise (Destruíndo o paraíso), por Michael Dziesinski: Un sucédano de Elvis viaxa ao Hawai nos meses previos a que as illas se convirtan en estado para gravar unha película...e verse involucrado nunha loita entre un culto dos Mitos e unha vella raza coñecida por todos nós...pero mutada polas probas nucleares!
En resumo, Atomic-Age é un bo suplemento sen ser imprescindíbel. Nel hai un bo número de historias interesantes e axudas para darlle o sabor acaído ás mesmas. Mércao se coma min es un namorado da época ou se buscas unha boa colección de historias algo diferentes. Se estas a buscar unha guía detallada para ambientar as túas historias na “Dourada America” ou se só che interesan as campañas a nivel mundial...sigue buscando.

1 Si, quero dicir EEUU

Atomic-Age Cthulhu
Chaosium
$31.95 en pasta branda /$18.12 en pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario