sábado, 25 de mayo de 2013

Apuntamentos sobre: Heroes of the Sea, segunda parte da campaña Zero Point para Achtung! Cthulhu

Hoxe tócame falar do que é polo de agora o último produto da liña Achtung! Cthulhu,  a segunda parte da campaña Punto Cero. Como a primeira parte, está dispoñíbel en pdf para Call of Cthulhu, Realms of Cthulhu, e, dende a semana pasada, tamén para Trail of Cthulhu. Novamente falarei da versión que hai para CoC, que é a única que teño.


Como polo de agora non hai libro físico, non poño ningunha foto por aquí, pero para os que queirades, hai un pequeno preview de balde na seguinte páxina. Este libriño é un chisco máis grande que o anterior (66 fronte a 42 páxinas) aínda que tamén é máis caro ($14.99 fronte a $9.99), o que ven a dar máis ou menos o mesmo prezo por páxina. Visualmente é moi similar a Three Kings, con boas ilustracións de Dim Martin, algunhas fotos da época e bastantes máis mapas que na parte anterior da campaña.

A aventura ocupa as 40 primeiras páxinas, quedando o resto para os apéndices. Ao revés do que acontecía con Three Kings, é posíbel que sexan precisas máis dunha sesión para rematar a aventura, en función de canto queira complicar o Gardián as cousas aos Investigadores. O módulo ten lugar durante un dos momentos máis tráxicos da historia recente do Reino Unido: a Operación Dínamo, a evacuación do Forza Expedicionaria Británica (BEF) e o Primeiro Exército Francés da Batalla de Francia, nas praias arredor de Dunquerque, entre Maio e Xuño de 1940. Isto para min xa ten un grande atractivo e fala moi ben tanto de Sarah Newton (a autora) como da xente de Modiphius en xeral. Digo isto primeiro porque racha co que eu penso que é un tópico que semella presente no mundo dos xogos, que a Segunda Guerra Mundial comezou co Día D (ou como moito con Pearl Harbor, El Alamei ou Stalingrado, dependendo de filias e fobias) esquecendo moitos anos de ocupación e de derrotas aliadas. En segundo lugar, dígoo porque este escenario ofrécenos a posibilidade de xogar nun entorno xa de por si arrepiante, sen necesidade que haxa Mitos de por medio. Para explicar isto preciso corrixirme a min mesmo. En realidade a aventura como tal son unicamente 25 páxinas, mentres que as 15 restantes describen os arredores de Dunquerque. Isto é máis que unha simple guía que diga “onde está quen” senón que tamén nos vai axudar a movérmonos polo territorio. Aínda que non volo creades, imos xogar a CoC  con unha táboa de monstros aleatoria (vale, non de monstros, senón de encontros). Máis que gustar ou non gustar, ao ler e reler esta táboa o que sinto é medo. Medo de querela usar moi correctamente para reflectir o ambiente da área de Dunquerque: o desacougo dos soldados abandonando a fronte, o terribel esforzo daqueles que tentan mantelo, o horror dos civís desprazados...e o inimigo. Xa sei que aínda non dixen de que vai a aventura: esta comeza cando se lles órdea aos Investigadores localizar a unha axente do Servizo Secreto Británico que quedou atrapada tras as liñas inimigas...e ata aquí podo contar  sen facer spoilers. Só facer isto, ou só o feito de tentar moverse pola área da Operación Dínamo pode ser unha tarefa formidábel para a maioría dos Investigadores.

Para axudarnos a reflectir mellor o ambiente durante a Operación Dínamo, os apéndices ofrécenos unha morea de novos vehículos e algunhas regras para manexar de xeito sinxelo combates a maior escala do que ben sendo habitual nestes xogos. Tamén hai novas habilidades, como Ordenar ou Estratexia, que semellan adaptadas de Savage Worlds (algo que me fai pensar que igual é mellor este sistema para xogos de rol de guerra). Penso que un bo Gardián pode sacarlle todo o xugo a este novo material para presentarlles un desafío aos Investigadores sen atafegalos. Esta é a miña maior crítica á historia (ou, máis concretamente, ao que pode ser o día que eu a dirixa), para poder levar correctamente a cantidade de combate á que se van enfrontar os Investigadores (ou que van tentar evitar) voume ver tentado de empregar One War (cando o publiquen) ou Advanced Squad Leader (tiradas de Cordura por favor). Sei que é unha parvada, pero penso que é preciso ser un bo máster para balancear correctamente o “vale, chegades sen problemas ao obxectivo” e o “ides ter que loitar por cada paso que deades” e darlle así o ton acaído á partida. Respecto das novas regras, ao contrario do que pasaba con Three Kings, estas só aparecen ao final do libro, polo que pode ser preciso andar adiante e atrás durante a partida, pero canto menos así non temos dúas veces a mesma cousa.   Os apéndices tamén inclúen catro personaxes prexenerados (tres deles vellos coñecidos) e axudas de xogo (que neste caso son bastantes máis que o propio informe de operacións).

Non teño moi claro ter sido quen de amosar que esta é unha gran aventura. Estou seguro de que é preciso bastante traballo por parte do Gardián para poderlle dar o ton acaído, pero en boas mans pode ser unha aventura excelente. Só agardo que a terceira e última parte desta campaña., Code of Honor, unha aventura de espías en Estambul, sexa tan boa como esta.

Modiphius
$14.99 (pdf)

Atención! Spoilers. Para todos aqueles que queiran realmente saber de que vai esta aventura, velaquí tedes un pequeno resumo. Se pensades en xogala como investigadores, non sigades lendo, xa que acabaría por escarallarvos a partida.

A muller que os Investigadores están a buscar, a axente WOTAN, atópase en estado comatoso nunha casa do ficticio pobo belga de Mesegen. Nas súas notas fálase dunha muller chamada Walpurgen, que lidera unha operación das SS (FALL NADEL ou Operación Agulla). Para poder pescudar algo máis sobre esta operación, os Investigadores deberán viaxar ata o pobo belga de Neuport, onde os alemáns teñen un submarino. Dentro deste hai un portal que permite viaxar a un lugar chamado Maglemosioan, que teoricamente foi o fogar dos devanceiros dos alemáns, hoxe mergullado baixo o Mar do Norte, pero que en realidade está nas Terras do Soño. Aquí Walpurgen (tamén coñecida como a Meiga Peixe) ten establecido un posto avanzado no que ten presa á axente WOTAN durminte. Os Nazis, ademais de manter unha boa relación cos primitivos maglemosiáns, están a tentar forxar unha alianza cos Profundos, algo que podería mudar por completo o curso da guerra. Os Investigadores deberán evitar que esta alianza teña lugar ou a retirada de Dunquerque vai ser moito, moito peor. Para isto deberán impedir que Walpurguen complete un ritual para o que precisa unha estatua afundida baixo o Mar do Norte e levalo a un punto concreto en terra firme (que para entón pode estar ou non baixo control alemán). Os investigadores teñen moitas oportunidades para frustrar este plan: nas Terras do Soño, baixo o mar ou de volta en terra firme, pero teñen unha marxe de erro moi pequena.

En resumo, é unha aventura moi boa, na que os Investigadores están claramente loitando contra o reloxo no peor entorno posíbel, nunha situación na que as súas decisións poden ter consecuencias moi reais. Por iso, a tensión está garantida ao longo de toda a aventura. O lúgubre episodio nas Terras do Soño (e a relación entre este mundo e o noso) é fantástico (certo é que de sempre me gustaron moito as Terras do Soño). Se a metade dos suplementos de Achtung! Cthulhu son tan bos como esta aventura, imos falar moito sobre Modiphius no futuro. Final del Spoiler.

PD: Si existe unha versión impresa deste módulo e do anterior tal e como podedes ver na seguinte foto. Penso que se pode adquirir en leisuregames.com, pero non sei de ningún outro sitio (salvo que teñades a sorte de atoparvos na UK Game Expo).

PD2: E na mesma UK Game Expo veñen de nomear a Three Kings e Heroes of the Sea na categoría de mellor xogo de rol. Parabéns!

No hay comentarios:

Publicar un comentario