viernes, 10 de mayo de 2013

Fotos e apuntamentos sobre: Los Mitos de Cthulhu


Non adoito ler moita banda deseñada. Pode que sexa porque cando era máis novo e tiña máis tempo para lelos, non tiña cartos para mercar todas os que querería e agora que (podería) ter os cartos para mercalas, non teño tempo para lelas (ou prefiro investir o meu tempo noutras lecturas, ou teño máis cartos para outras lecturas...). Así que agora mesmo as miñas lecturas habituais limítanse a Los Muertos Vivientes e o meu querido Hellblazer. Pero hoxe, grazas a un amigo tráiovos algo distinto, a edición española de Los Mitos de Cthulhu, unha colección de relatos de Lovecraft polo debuxante arxentino de orixe uruguaia Alberto Breccia, un artista coñecido por ser o autor de Mort Cinder e El Eternauta. Non lin ningunha destas obras, polo que non podo comparar Los Mitos con elas. Agora ben, o que vin neste volume deixoume gratamente impresionado.

 Los Mitos recolle nove das historias máis populares de Lovecraft en 124 páxinas. Isto quere dicir que Breccia e Buscaglia (o adaptador de seis destes relatos) teñen feito un incríbel traballo de síntese, porque, aínda que as historias estean abreviadas, non se botan de menos moitas cousas. Este nivel de condensación fai que a bd teña una lectura lenta, con moito texto por páxina, nada que ver cos cómics de superheroes, cousa que por outra banda non debería sorprender a ninguén xa que a meirande parte da acción das historias de Lovecraft ten lugar na mente dos seus personaxes máis que nos diálogos. Outro aspecto co que Breccia é quen de plasmar a obra de Lovecraft neste cómic é cos seus debuxos das criaturas dos Mitos dun ambiente que fai tolear. As historias comezan con imaxes claras e nídas, pero vanse tornando cada vez máis difusas e confusas. As máis das veces, somos quen de intuír máis de ver as aos monstros debuxados. E está ben, xa que, se hai cousas que a humanidade non debería de coñecer, como as imos debuxar?

Velaquí tedes algúns exemplos do que quero dicir:

O fillo de Yog-Sothoth, de O horror de Dunwich
O Gran Cthulhu, de A Chamada de Cthulhu

E a miña ilustración favorita:

Os Mi-Go de O que Murmura na Escuridade. Non vos lembra ao Capricho Nº43 de Goya, El Sueño de la Razón Produce Monstruos?

Os relatos incluídos neste volume son:

El Ceremonial (O festival, The Festival) Podedes ler a historia completa aquí.
La Cosa en el Umbral (A cousa no limiar, The Thing on the Doorstep)
La Sombra sobre Innsmouth (A sombra sobre Innsmouth, The Shadow over Innsmouth)
La Ciudad sin Nombre (A cidade sen nome, The Nameless City)
El Horror de Dunwich (O horror de Dunwich, The Dunwich Horror)
El Llamado de Cthulhu (A chamada de Cthulhu, The Call of Cthulhu)
El Color que Cayó del Cielo (A cor que veu do ceo1, The Color Out of Space)
El Morardor de las Tinieblas (O que asexa na escuridade, The Haunter of the Dark)
El que susurra en las Tinieblas (O que murmura na escuridade, The Whisperer in Darkness)

En resumo, unha boa bd incluso para aqueles que non gustan moito do medio, sempre que gusten de Lovecraft. Como Gardián, encantaríame poder ter as imaxes dos monstros nun PDF ou nunhas láminas para poderllas ensinar aos investigadores dicindo “Abrides a porta e...isto é o que atopades!”, pero o libro funciona igual de ben.

1 Non din atopado este relato en galego, polo que a tradución do título é propia.

Sinsentido
20,90€ (Capa Dura)

No hay comentarios:

Publicar un comentario