martes, 7 de mayo de 2013

Opinión: Achtung! Cthulhu


Achtung! Cthulhu pode ser o próximo gran evento dento dos xogos de temática lovecraftiana, canto menos ata que se publique a sétima edición de Call of Cthulhu un ano destes, e xa está aquí. Achtung! Cthulhu é un entorno de campaña que mestura os Mitos coa Segunda Guerra Mundial e está publicado por unha editorial británica bastante nova, MODIPHIUS. Fixádevos que digo entorno de campaña (ou escenario de campaña) e non xogo porque polo de agora, as dúas aventuras publicadas teñen saído para Call of Cthulhu, Realms of Cthulhu (o xogo de Savage Worlds sobre os Mitos) e para o sistema PDQ (Prose Descriptive Qualities) de Atomic Sock Monkey. Agárdase tamén que acaben saíndo para Trail of Cthulhu e para un xogo que van desenvolver eles mesmos, Expeditions, que se segundo teño entendido vai estar baseado en FATE. Isto semella unha cantidade de traballo tremenda (é una grande cantidade de cartos en dereitos de autor) pero tamén semella que esta xente quere de verdade que probes a súa ambientación con independencia de que tipo de xogador sexas.

Como xa dixen, polo de agora só hai dispoñíbeis no mercado, e polo que eu sei só en PDF, as dúas primeiras partes dunha campaña de tres episodios, Point Zero, escrita por Sarah Newton (que analizarei máis de vagar nunha próxima entrada). Pero hai máis, moito máis no forno. MODIPHIUS decidiu comezar un Kickstarter para financiar a edición impresa dunha guía para os Investigadores e outra para o Gardián para CoC e Realms...pero tiveron así como 20 veces máis éxito do que agardaban. Agora semella que vai haber unha chea de produtos: guías rexionais, campañas, miniaturas e crossovers con outros moitos xogos como Godlike ou Dust Tactics (podedes ver unha lista do que está incluído no Kickstarter aquí e outra co resto de publicacións da liña nesta outra páxina). Teño lido algunhas críticas lexítimas dicindo que quizais tanto éxito non sexa bo, que agora teñen que sacar tantas cousas que a calidade media dos libros pode verse afectada. Estou seguro que dos 8 libros incluídos no Kickstarter non todo vai ter a calidade da edición francesas das Máscaras de Nyarlathotep, pero, a xulgar polo que si hai publicado, eu teño grandes expectativas. En calquera caso, penso que o éxito de esta iniciativa, ademais dunha boa mercadotecnia e todo o que se queira, ven a probar que os xogadores de La Llamada queriamos meternos de cheo na Segunda Guerra Mundial (ou do revés). Segundo o meu Manual del Guardián (Vol. 2) hai unha aventura para Cthulhu Live  que ten lugar durante a contenda, está tamén o MULA de Shadows of War...e non sei se hai algo máis publicado. Así que moitas grazas a MODIPHIUS por darnos esta oportunidade.

Un ten que admitir que a tarefa á que se está a enfrontar esta xente  non é doada. Primeiro de todo, porque son da opinión de que a Segunda Guerra Mundial é o período histórico máis interesante para moita xente (só hai que dar unha volta pola sección de Historia dunha librería para velo). Isto supón que quen escribe as aventuras, e quen as dirixe, ten que estar preparado para o eventual xogador que solta cousas do tipo “Isto é imposíbel, os primeiros PzKpfw IV F1 non chegaron ata a fronte de Kurst ata Xullo do 43, e aínda estamos a 30 de Xuño”. Segundo, porque a guerra tivo horrores dabondo (e todos causados polo home) que quizais engadir horrores cósmicos sexa demasiado. Ademais, estou seguro que vai haber moita xente á que non lle guste descubrir que Hitler era en realidade un avatar de Hastur (non pesades que o signo amarelo ten un aquel coa esvástica?) e que Stalin só se opuxo aos alemáns porque estaba controlado por Cthulhu (seica non pensabades que Marx tiña tentáculos debaixo desa barba?)1 e outras historias pulp heterodoxas. Persoalmente, a min tanto me ten, é un xogo e con tal de que mo faga pasar (e me obrigue a ler algo de historia de verdade) chega, pero entendo que hai xente que toma as cousas máis en serio e que a Segunda Guerra Mundial foi algo moi serio. Agora ben, penso que un entorno coma danos un mundo de oportunidades para contar boas historias relacionadas con acontecementos reais, saber realmente porque pasaron algunhas cousas e facer que os investigadores se sintan importantes (Alerta spoiler): “Sabemos que deberiamos estar axudando a evacuar Dunkerque señor, pero se non continuamos a nosa misión, pode que os nosos homes non teñan nin a oportunidade de subirse a un barco” (Final do spoiler). Ás veces penso que os investigadores loitan contra os Mitos porque non teñen máis que facer e que non hai unha implicación entre o que fan e a realidade (seica porque é mellor deixar á humanidade ignorante destes asuntos). Penso que Achtung! Cthulhu pode ser o entorno perfecto para levar unha campaña, non no senso das Máscaras (aínda que agardo que haxa algo polo estilo), senón que permita unir de xeito sinxelo aventuras relativamente inconexas, e, o máis importante, que permitan ver os efectos que ten que os investigadores fracasen nunha aventura. Supoñamos que por exemplo todo un grupo de investigadores morre intentado deter o proxecto que teñen os Nazis para criar byakhees, a seguinte historia (con personaxes novos) podería ter lugar nun Londres ocupado, xa que coa axuda destes monstros con ás os alemáns foron quen de gañar a Batalla de Inglaterra2.

Como podedes ver estou moi entusiasmado con este novo entorno de campaña. Para unha visión algo máis obxectiva, agardade polos apuntamentos sobre a campaña  Zero Point, que era o obxectivo inicial de esta entrada.

1 Isto é unha invención miña, nono teño nin idea de cales serán as grandes liñas argumentais detrás de Achtung! Cthulhu, pero non me estrañaría que houbera algún tipo de conspiración a ese nivel.
2 Isto é outra invención miña, non sei se vai haber algo semellante, pero sí estaría ben que houber varias ucronías en función de cando ou como interveñen os Mitos na guerra.



No hay comentarios:

Publicar un comentario